Compostela acolleu esta mañá a celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI. No acto de conmemoración, celebrado no Obradoiro, estiveron o alcalde de Santiago, membros da corporación municipal e os colectivos Amizando, Ultreia e Arelas.
A concelleira de Igualdade, Marta Lois, pronunciou unha declaración institucional na que o Concello renova o seu compromiso na defensa dos dereitos da comunidade LGTBI e amosou a súa condena e da discriminación, violencia, persecución e criminalización das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais.
Celebramos e defendemos a diversidade como un valor humano
A representante de Arelas, Cristina Palacios, reivindica que o Parlamento Galego aprobe a futura lei galega de identidade de xénero. Daniela Ferrández, en representación de Amizando, salientou diversas agresións ao colectivo LGTBI. Finalmente, Odu Míguez, do colectivo Ultreia, destacou a diversidade e a liberdade que existen na cidade de Compostela.
Outras actividades
Nos próximos días, terán lugar diversos actos relacionados coa defensa da diversidade sexual. Hoxe mesmo houbo unha concentración na Praza 8 de marzo. Este venres terá lugar, a partir das 19.00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal, unha palestra impartida por docentes comprometidos e comprometidas coa diversidade sexual. O sábado realizarase un roteiro pola memoria que sairá da Praza 8 de marzo ás 11.30 horas. Ademais, haberá dúas exposicións de temática trans. A primeira será do 3 ao 8 de xullo no Centro Sociocultural das Fontiñas e leva por nome “Miradas transgresoras”. A segunda, denominada “Alén dos xéneros”, terá lugar do 6 de xullo ao 12 de novembro no Auditorio de Galicia.
- Máis información: Compostela únese con varios actos ao Día Internacional do Orgullo LGTBI