A convocatoria de eleccións estatais para o 10 de novembro move os marcos previstos para os comicios que se celebrarán este 2020 en Galicia. Practicamente, todas as organizacións políticas galegas se presentarán ás eleccións convocadas dende Madrid aproveitándoas como unha medición do voto. Pero, que posición tomará cada quen nestas eleccións?

- Publicidade -

Por unha banda, o BNG apenas muda o discurso que xa mantivo nas pasadas eleccións. A súa liña estratéxica xira arredor da frase que lanzou hai apenas uns días a súa voceira nacional, Ana Pontón: “A cidadanía galega vai aproveitar o 10N para acabar co menosprezo a Galiza da man do BNG”. Ao mesmo tempo, as nacionalistas saben que se atopan nun momento no que a volta do bipartito, aliándose co PSdeG, é posible polo que semella interesante o equilibrio a gardar con respecto aos futuros hipotéticos socios de goberno

A posibilidade do bipartito tamén está latente dentro do PSdeG cun Gonzalo Caballero que aspira a converterse no vindeiro presidente da Xunta. Neste sentido, o secretario xeral dos socialistas galegos apela a Pedro Sánchez fronte o discurso do PP tratando de vincular o PSdeG ao ascenso do voto dos socialistas das pasadas eleccións xerais. A estratexia pode ser tan exitosa como riscosa á vista dos éxitos ou fracasos que poida recolectar Sánchez na Moncloa. Neste sentido, os resultados do 10 de novembro poderán xogar un importante papel dentro da campaña do PSdeG en Galicia.

Anova, EU, Podemos e En Marea

Esquerda Unida e Podemos Galicia ultiman o seu pacto para ir xuntas nas eleccións xerais con Galicia en Común, algo que xa entraba dentro do previsto. A incógnita céntrase no movemento que realizará Anova que decidirá esta semana se entra ou se queda fóra, tal e como realizou nos pasados comicios estatais.

Noutro sentido camiñan dende En Marea que solicitan unha candidatura unitaria progresista galega ao mesmo tempo que non desbotan sumarse ao partido Más Madrid, de Íñigo Errejón, para as eleccións estatais.

Eleccións galegas

Este movemento do 10-N deixa múltiples interrogantes ante unhas eleccións galegas que, segundo os tempos, deberían facerse ben de notar. Polo de agora, un dos últimos movementos foi o paso adiante de Eva Solla para ser a candidata á Xunta de Esquerda Unida. Esta acción deixa entre interrogantes o papel que podería xogar Yolanda Díaz nos comicios galegos.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego