Este 25 de xullo conmemóranse os cen anos das orixes do Día da Patria coa celebración da II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala. Así e todo, habería que agardar ata ano 1979 para que a Xunta fixese oficial esta data. Paralelamente a este feito histórico, o 25 de xullo deste ano proclámase como un punto de arranque da carreira electoral do 2020 no que as forzas políticas do PSdeG e o BNG se atopan en plena remontada traendo á lembranza as posibilidades dun novo bipartito en Galicia.
O BNG quere acadar 500 novas afiliacións neste 25 de xullo ao mesmo tempo que centran a súa aposta política na necesidade de que “o nacionalismo colla máis peso, máis corpo” dentro das siglas do partido. Por outra banda, Anova chega a este 25 de xullo en medio dun proceso asembleario conformado polo debate e a reflexión que culminará en outubro na súa IV Asemblea Nacional. Dende a formación, continúan situando como eixos centrais a unidade popular e a soberanía nacional tras o fracaso do proxecto de En Marea.
Tras a fractura do seu grupo parlamentario, o partido En Marea comeza a súa reestruturación baixo a batuta de Luís Villares e a súa man dereita Ana Seijas. Este 29 de xullo terá lugar a votación da nova dirección do partido que concluirá coa ratificación de Villares como líder deste proxecto político que xa non se sinte identificado co concepto de “rupturismo”. En canto á cuestión nacional, apostan por unha Galicia “de todos os galegos e galegas”.
En canto aos partidos con estrutura estatal, os socialistas sitúanse en pleno ascenso electoral tras os comicios do 26 de maio. Deste xeito, Gonzalo Caballero apoia o seu discurso na defensa de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central para Galicia, xa que confía ser o próximo presidente da Xunta. Contra este discurso, Alberto Núñez Feijóo critica directamente a Pedro Sánchez dende unha dimensión estatal e ve a investidura do socialista como un “paripé” con Podemos para ver “quen engana a quen”.