Comisións Obreiras chama á mobilización este 10 de marzo, o Día da Clase Obreira Galega, baixo o lema ‘Memoria de loita e traballo’ para reivindicar que as propostas do sindiscato “teñen toda unha tradición e traxectoria de loita por tras”. “A memoria é moi necesaria e a desmemoria é moi perigosa”, apuntou o seu secretario xeral Ramón Sarmiento.
Os actos principais serán a entrega dos Premios 10 de Marzo, que se outorgarán nun acto en Santiago de Compostela o día 7. Xa en Ferrol, no propio Día da Clase Obreira Galega, haberá unha ofrenda floral no monumento ao Dez de Marzo (11:30), lugar desde onde sairá pola tarde (19:00) unha manifestación.
A secretaria de Emprego e Previsión Social, Maica Bouza, explicou as principais liñas do documento de propostas que o sindicato fará chegar nos próximos días ás forzas políticas que concorrerán ás eleccións ao Parlamento de Galicia, “para que as estuden e, se así o consideran, inclúan nos seus programas”.