Comisión da sanidade: unha nova oportunidade para Feijóo?

Propoñen citar a 44 comparecentes por parte deles e 30 por parte do PP a través dunha Comisión extraordinaria que represente a toda a cámra parlamentaria

Os portavoces das tres forzas políticas da oposición, Luis Villares de (En Marea), Xoaquín Fernández Leiceaga do (PSdeG) e Ana Pontón do (BNG) retomaron a unidade de acción noParlamento para tentar salvar a Comisión de Sanidade. Hoxe mesmo presentaron unha proposta para que se convoque unha Comisión Extraordinaria que revise o tema das comparecencias froito dunha síntese da proposta anterior que fora rexeitada polo PP.

- Publicidade -

“Tal e como quedara a Comisión de Sanidade só estaban as propostas do PP”, apuntou Ana Pontón, “É un feito sen precedentes no Parlamento galego, o plan do PP é impresentable”. A voceira do BNG denunciou que “o Parlamento non é do PP, é de todos os grupos”.

En Marea, PSdeG e BNG danlle outra oportunidade a Feijóo na Comisión de Sanidade


Pola súa parte Xoaquín Fernández Leiceaga amosou o seu “cabreo” diante desta situación. “Empregaron un método arbitrario, só o PP está hoxe na comisión”. Aínda así e por ser un “tema importante” decidiron darlle outra oportunidade á comisión e ao propio PP.

Nova proposta

“Propoñemos a convocatoria dunha nova Comisión Extraordinaria nun prazo razonable que inclúa 30 comparecencias solicitadas polo PP e 44 que solicitemos nós”, sinalou Leiceaga. Entre as propostas estarían persoas importantes que poden achegar datos fundamentais como por exemplo os familiares do doente morto no PAC da Estrada ou mesmo responsables de POVISA.

“Empresas como POVISA teñen que estar posto que dan un servizo importante ao Sergas e forman parte do sistema sanitario galego”, engadiu o voceiro socialista.

As tres formacións amosáronse abertas ao diálogo mais, como sinalaba Ana Pontón, a proposta non é negociable porque, como explicaba, nela xa vai unha síntese da que achegaron no seu momento.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego