Comezan as obras da nova terminal de autobuses de Compostela

A infraestrutura, que comporá a primeira estación intermodal de Galicia, edifícase sobre a vella área ferroviaria de mercadorías

Este venres deron comezo as obras de construción da nova terminal de autobuses de Santiago de Compostela, que se conectará coa estación de ferrocarril no marco do proxecto da Intermodal. Trátase da primeira infraestrutura destas características que se construirá en Galicia, e contará cun orzamento superior aos dez millóns de euros. Este proxecto edifícase no espazo que noutrora ocuparon os andéns de mercadorías e mantemento da estación de trens, así como a vella nave de Koype.

A Intermodal permitirá facer cidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que esta obra mudará a “forma de relacionarnos co transporte” e permitirá “facer cidade” grazas á construción dun miradoiro sobre o río Sar.  No acto tamén interveu o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen celebrou que se fixese visíbel unha “demanda histórica da cidade”, que, asemade, servirá de conexión entre os barrios de O Ensanche e Pontepedriña.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Obxectivo 2021

Segundo as previsións iniciais, a estación intermodal ficaría rematada antes do ano 2021, cando se celebrará o “mellor Xacobeo da historia”, en palabras do presidente galego. Tanto a Xunta coma o Concello de Santiago teñen grandes expectativas postas sobre ese Ano Santo, que podería permitir dar un forte pulo á capital do país.

Para esas datas, o Goberno galego agarda que a liña de AVE de conexión entre Galicia e a Meseta poida estar xa en funcionamento. Núñez Feijóo asegura que vai ser “igual de esixente” co novo ministro de Fomento, José Luis Ábalos, que cos seus predecesores, Íñigo de la Serna e Ana Pastor.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -