A programación da vixésimo primeira edición do Oenach Atlántico iníciase este venres pola noite na parroquia de Sedes. O Padroado da Cultura e a AVV Rosa dos Ventos organizan un ano máis esta convocatoria, a través da que se recrean as raíces da cultura celto galaica e os modos de vida no rural na zona da campa do Trece.
O Oenach Atlántico está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014. A cita inaugurarase este venres ás 22.30 horas co tradicional acendido de lumes que levan a cabo os veciños e veciñas de Sedes nuns recipientes de ferro. A continuación, sobre as 22.45 horas, iniciarase o concerto do grupo de música tradicional galega Leilía. Os actos continuarán o sábado e o domingo, con varias propostas dirixidas a todo tipo de públicos.
Tanto o sábado como o domingo, entre as 11.00 e as 14.00 e dende as 16.00 ata as 19.00 horas estará aberto un mercadiño de artesanía, no que se porán á venda diferentes produtos e tamén haberá xogos e obradoiros –de perforación de pezas de cerámica e madeira, petroglifos, técnicas para o acendido do lume, entre outros- e realizaranse recreacións de oficios tradicionais –de tecidos, olería, talla de madeira, canteiría e cestería-. Con cargo a esta proposta trátase de recuperar e poñer en valor o traballo que realizaban homes e mulleres na época da cultura celto galaica.
O sábado haberá tamén espectáculos para os nenos e nenas e dos que tamén poderán desfrutar as persoas de máis idade. O Cuarteto Rinchón actuará ás 11.30, ás 16.00 e ás 18.00 horas e tamén Rilo&Penadique ás 12.00. A sesión vermú correrá a cargo do grupo folk Tiruleque, a partir das 13.30 e Mamá Cabra ofrecerá un concerto infantil ás 17.00 horas. A tradicional Noite no Castro será ás 22.30 e a Grande, Compañía de Teatro Comunitario de Sedes protagonizará esta xornada coa representación da obra “Buscando a Fara” escrita por Juan Padín e Pepablo Patinho. Fara é a protagonista desta peza, unha rapaza que quedou orfa e buscará refuxio no castro de Eiravedra, donde coñecerá a Gaia. Ás 00.00 horas terá lugar unha mexilloada e unha repichoca popular na propia campa.
O último día do Oenach Atlántico, o domingo 28 o Cuarteto Rinchón volverá a animar ao público –ás 11.30 e ás 16.30 horas- e tamén pola mañá, haberá unha exhibición de cans de palleiro -12.00- e unha recreación teatral na campa a cargo do Grupo de Teatro Comunitario de Sedes -13.00 horas- que nesta ocasión representará a peza “A conquista de Gallaecia”, sobre a reconquista por parte dos romanos de Gallaecia. Pola tarde haberá sesión de xogos con Xogos Paporrubio -16.30-, unha actuación da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón -17.00-, outra do grupo de danza tradicional Alxibeira, do Padrodao da da Cultura de Narón -18.00- e pecharán o programa o espectáculo infantil “A danza da choiva”, de Elefante Elegante, e a actuación de Pelepau -19.00-.
Nas inmediacións da campa do Trece haberá tamén durante toda a fin de semana un espazo gastronómico, no que se poderán mercar diferentes menús a base de porco celta. As mulleres e os homes de Sedes cociñarán na campa as “bolas de sartén”, que se poderán degustar de balde.