A agardada nova residencia de maiores en Compostela comeza a tomar forma. Hoxe Martiño Noriega e José Manuel Rey, alcalde e conselleiro de Política Social, respectivamente, asinaron o convenio de cesión da parcela municipal en Fontiñas.
O conselleiro agradeceu a “boa disposición” do goberno de Raxoi neste tema e parabenizouse do paso dado. Iso si, sen poñer data para o seu remate. Pola súa banda, Noriega quixo resaltar que esta nova residencia “atenderá unha vella demanda de Santiago, que segue tendo poucas prazas públicas para persoas maiores”. Así é, a cidade conta na actualidade con 25.000 persoas maiores de 60 anos, das que 4.000 viven soas e só dispón e tres residencias públicas.
A nova residencia enmárcase no plan “Como na casa”, no que a Xunta prevé a construción de sete novas residencias para persoas maiores, unha en cada unha das grandes cidades galegas. Ademais, a parcela conta cunha extensión de 3.018 metros e permitirá a construción dunha residencia de maiores de ata 120 prazas
Con demora e sen prazos de execución
Até hoxe, non houbo nunca noticias das residencias de maiores comprometidas por Feijóo. No consello da Xunta de febreiro de 2017, o Presidente da Xunta viña de anunciar a construción de sete residencias nas grandes cidades; entre elas, o de Fontiñas. Máis de ano e medio despois ningún movemento. Até hoxe.