Podemos Galicia presentou onte en Compostela o seu novo Consello Cidadán con Antón Gómez-Reino como Secretario Xeral, as portavocías do Consello de Coordinación na que estarán Verónica Hermida Longa e Isabel Faraldo Calvo, e doce secretarías. Nesta primeira reunión Antón Gómez-Reino tamén presentou o seu informe político, no que detalla a folla de ruta que seguirá a formación nos vindeiros meses.
Podemos Galicia abre etapa pensando na candidatura a En Marea, as eleccións e en crear un foro de debate
A Deputada Luca Chao explica a Nós Televisión que esta folla de ruta “está marcada pola axenda política” e que terá como prioridades primeiro “a confección dunha posible candidatura ao Consello de En Marea” para logo traballar “as eleccións municipais e europeas como primeiro paso para derrotar a Feijóo”.
Foro Galicia
Luca Chao tamén explica unha das iniciativas coas que Podemos Galicia quere “abrirse” á sociedade: o Foro Galicia. “Logo de debates internos a ideea é abrirse á colectividade”, explica a Nós Televisión, “por este motivo agora queremos abrir un foro de debate cos movementos sociais, con persoas referentes da sociedade galega e con outros colectivos”.
As doce secretarías
Segundo explica Luca Chao a proposta aprobada da executiva pretende ser integradora polo que figuran nomes da candidatura gañadora, a de Gómez-Reino, e da que non resultou elixida. Tamén salienta a creación dunha secretaria de Cículos, que levará Isabel Faraldo, que será a responsable de manter o contacto directo coas bases en todo o territorio, unha das reivindicacións máis solicitadas.
Podemos Galicia estructurou a súa nova dirección con secretarías: Isabel Faraldo Calvo (Círculos), Marlene Pérez Sánchez (Programa), Marcos Cal Ogando (Acción Institucional e Participación Social), Francisco De Asís Pardo Senin (Análise), Luca Chao Pérez (Municipalismos), Jose Manuel Pérez Afonso (Formación e Área Interna), Verónica Hermida Longa (Feminismos), Maria José Rodríguez Rosales (Asociacións), Óscar González Álvarez (Comunicación), Ramón Ruymán Núñez Infante (Construír Galicia), Cristina Laya Miguélez (Mocidade) e Julia Torregrosa Sañudo (Educación).