Os colectivos Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Rede Galega de Custodia do Territorio e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) reuníronse este martes cos grupos parlamentarios do PSdeG, En Marea e BNG para abordar a Lei galega de Patrimonio Natural que se atopa en trámite parlamentario e que consideran “unha mofa”. Os catro colectivos consideran que este proxecto de lei “vai en contra da realidade social e natural de Galicia”.
O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, ve “incomprensible” que a lei limite a superficie que pode ter unha área para ser declarada como parque natural. “A intención é clara, non declarar máis parques naturais”, sostén. No Pazo do Hórreo, realizaron unha enmenda á totalidade da lei da Xunta.