O ciclo “Teatro&Danza” ofrecerá 18 espectáculos entre xaneiro e maio

O teatro galego sae a escena. A Deputación da Coruña presenta o ciclo “Teatro&Danza”, composto por 18 espectáculos que porán en valor as artes escénicas de Galicia. As funcións desenvolveranse ao longo deste primeiro semestre entre o Auditorio de Galicia e o Teatro Principal. A obra ‘Cranios privilexiados’, do grupo teatral Mofa e Befa, inaugurará o 24 de xaneiro este ciclo que pretende ser “algo máis que unha posta en escena”.

Ao remate de determinados espectáculos, celebrarase un coloquio aberto entre o público e os artistas que permitirá afondar no proceso de creación de cada peza teatral. Teatro&Danza pretende, polo tanto, converterse nun espazo de diálogo e reflexión sobre a realidade social e a aprendizaxe en colectivo, facendo especial fincapé na oferta cultural de Galicia.

Neste ciclo de teatro participarán tamén compañías foráneas, coma a canaria Una hora menos, a madrileña Teatro del Barrio ou a portuguesa Companhia do Chapitô. Os prezos das entradas oscilarán entre os 4 e os 14 euros, mais poderá aplicarse un desconto do 50% para menores de 25 anos, pensionistas, desempregados e familias numerosas.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego