O Concello da Illa de Arousa aspira a converterse nun referente europeo na xestión dos seus residuos. O obxectivo marcado pola corporación local é o cumprimento con folgura de dúas obrigas da Unión Europea: a recollida selectiva dos bio-residuos antes do 2023 e a reciclaxe do 55 por cento dos residuos municipais en 2025.
En 1998 o municipio implementou un plan de compostaxe que hoxe proseguen grazas ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. O programa provincial de compostaxe facilítalle aos concellos a adquisición de material e maquinaria necesarios, ademais de persoal cualificado que, no caso da Illa, está conformado por unha mestra e un mestre composteiro.
Compostaxe comunitaria na Illa de Arousa
Na Illa de Arousa cada vez son máis os establecementos hosteleiros que se suman a compostar in situ os seus bio-residuos, especialmente os chiringuitos, os hostais e os restaurantes. O Concello facilítalles os composteiros, o material adicional necesario e ofrécelles un seguimento do proceso e asistencia técnica.
A Concellaría de Medio Ambiente ten previsto instalar na Illa novos centros de compostaxe comunitaria e implementar a medio prazo un sistema de recollida porta a porta para os bio-residuos xerados por produtores singulares, sinaladamente os da hostalería.