Cheo na estrea en Noia do documentario “San Finx 1960”

As emisións en aberto en Nós Televisión comezarán na primeira semana de abril

Cheo absoluto na noite do 28 na Casa da Cultura “Avilés de Taramancos” de Noia para a estrea do documentario “San Finx 1960”, o máis recente traballo da documentalista Irene Pin producido para o Centro de Saberes para a Sustentabilidade, institución recoñecida oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas, coa colaboración de Nós Televisión. O aforo de 100 persoas do salón de actos ficou pequeno, con público en pé, a maioría de Noia e Lousame, máis tamén con representantes da Rede de plataformas Compostela-Ulla-Tambre, que agrupa outros colectivos veciñais afectados pola minaría, como os de Touro ou Casalonga.

A presentación correu a cargo do profesor Xoán R. Doldán, Coordenador do Centro de Saberes para a Sustentabilidade e Decano da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, que enfatizou a importancia do traballo non só como documento de recupración da memoria histórica se non como instrumento pedagóxico para sensibilizar as máis novas sobre as consecuencias da minaría contaminante. A directora do proxecto, Irene Pin, agradeceu especialmente a todas as persoas e colectivos que participaron na polifonía de voces que trae o filme.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

O documentario reconstrúe a historia da “catástrofe de 1960” a través da memoria e voces da veciñanza de Lousame que narran como a maior das presas de decantación de lodos das minas de San Finx tivo unha falla crítica que provocou unha avalancha de residuos mineiros que arrasou co curso fluvial ata a mesma ría de Noia deixando a súa pegada durante décadas. Trátase dun pioneiro traballo de investigación audiovisual que se adentra no inexplorado campo da memoria histórica ambiental, poñendo no foco a ocultación durante décadas das consecuencias e implicacións ambientais de industrias como a mineira. “O coñecemento do pasado é imprescindible no presente para evitar a repetición destes desastres ambientais no futuro”, enfatizou a directora no coloquio final.

Numerosas persoas asistentes tomaron a palabra durante o coloquio para destacar a importancia do traballo e a necesidade de que sexa amplamente divulgado, particularmente entre as persoas máis novas. Do propio público partiron ofrecementos para organizar novas presentacións no propio Lousame e noutros puntos da comarca. De feito, xa están axendados lanzamentos en Rianxo (11 de abril) e Carballo (25 de abril), ao que se suma a estrea en televisión na primeira semana de abril coa súa emisión en Nós Televisión. No fin do evento, o Presidente de PLADEMAR Pablo Silva ofreceu unha pequena lembranza á diretora agradecendo en nome da rede “Vida e Ría ou Minaría?” a súa achega para dar a coñecer a “espada de damocles que representan as presas da mina de San Finx para toda a xente que vive da ría”.

O documentario forma parte dun proxecto de educación e sensibilización ambiental impulsado polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade / Centro Rexional de Educación para o Desenvolvemento Sustentábel que recoñeceu a Universidade das Nacións Unidas en 2018. O proxecto realizouse baixo o mecenado da Guerrilla Foundation de Berlín e coa colaboración de Nós Televisión. É o primeiro dunha serie de materiais dirixidos aos diversos ámbitos educativos e que serán ofrecidos gratuitamente aos centros educativos no próximo curso.

A Directora

Irene Pin, directora do documentario, tense creado un oco no mundo do documentario galego con traballos de divulgación e crítica social. En 2017 presentaba xunto con Bego Fernández ‘Morrer de vagar’, filmado en campos de refuxiadas en Grecia, e un ano antes gañaba no Festival de Cine de Roca o premio á mellor curta galega con ‘Ai, Pardiñas, dásme a vida’.

SINOPSE

Lousame, 1960. Unha presa de decantación de residuos das minas de San Finx rebenta, arrastrando río abaixo lodos e áridos. Deste evento, batizado como a “catástrofe de 1960”, apenas existen rexistros escritos. Hoxe, as presas están abandonadas, en risco dunha nova rotura. A responsabilidade evaporouse. Pero o relato do acontecido sobrevive na fráxil memoria da veciñanza, ao tempo que unha nova concesionaria e a administración se empeñan en reescribir a historia.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -