450 anos de historia, 20 aniversario do novo curro e unha década da declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, esta é a carta de presentación dunha nova edición da Rapa das Bestas de Sabucedo, que terá lugar nesta parroquia de A Estrada este fin de semana.
Do 7 ao 10 de xullo
A Rapa mais tradicional de Galicia, onde os veciños miden a súa forza cós cabalos salvaxes corpo a corpo, sen empregar ningún utensilio como paus ou cordas, para poder prestarlle os coidados necesarios para o seu mantemento durante o ano nos montes lindantes.
Durante estes días de festa realizase o rapado de crins, desparasitado, a obrigatoria identificación por microchip aos novos poldros e tratamentos veterinarios se é necesario. Todo isto ademais dos coidados durante todo o ano que realiza a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, como o mantemento de peches ou seguros permiten manter estes animais en liberdade no seu hábitat natural.
Todo este traballo vese recompensado este fin de semana onde unha parroquia, de pouco mais de 40 veciños, acolle a mais de 20.000 persoas para compartir esta tradición en convivencia coa natureza, e a preto de 200 medios de comunicación acreditados (ata o momento), entre os que se atopan 130 internacionais de 9 países diferentes.