Home Espazo Aberto Cultura Chega ‘Embegoñadas’, unha mullerenaxe en honra de Begoña Caamaño

Chega ‘Embegoñadas’, unha mullerenaxe en honra de Begoña Caamaño

0
Chega ‘Embegoñadas’, unha mullerenaxe en honra de Begoña Caamaño

“Amiga, irmá, o  próximo domingo 13 de outubro celebramos a memoria e traxectoria de Begoña Caamaño, unha das figuras imprescindibles do feminismo galego, cun encontro poético-artístico de inspiración cruzada entre poetas, ilustradoras e muralistas aberto á experimentación creativa de todas vós!”. Con estas palabras, Implicadas no Desenvolvemento e 7H Cooperativa Cultural convida nas redes sociais a todas e todos a acudir á mullerenaxe en honra da feminista e escritora Begoña Caamaño. 

Embegoñadas

Organizada pola área de Igualdade da Deputación Provincial da Coruña en colaboración co Pazo de Raxoi, co impulso de 7H Cooperativa Cultural e Implicadas/os no Desenvolvemento, a xornada formúlase como unha mullerenaxe ao activismo político e cultural en prol da igualdade desenvolta por Begoña Caamaño, unha imprescindible do feminismo galego.

As actividades arrancarán ás 12 horas do mediodía no Parque Begoña Caamño, no barrio compostelán das Fontiñas, e continuará pola tarde. Na mullerenaxe intervendrán as poetas Ana Romaní, Andrea Nunes, Belén Senín, Lara Rozados, Margado Val, María Rosendo, Míriam Ferradáns, Susana Aríns e Xiana Arias que compoñerán e recitarán versos baseándose nas novelas de Caamaño como ‘Circe ou o pracer do azul’ e ‘Morgana en Esmelle’.

As súas composicións servirán de inspiración para que as artistas Axóuxeres e Chisqueiros, Cata Ukelele Guaiaba, Eva Agra, Iria Prol Studio, María Lapido, Miss Hope, Rebeca Mariño, Vanessa Morais e Xoana Almar plasmen creativamente as sensacións suscitadas nunhas casiñas de paxaro, unha ave de especial simbolismo na obra literaria de Caamaño ao ser o encargado de carrexar as cartas que se envían Penélope e Circe, mulleres tamén claves na mirada feminista do universo creativo da novelista.

Logo de seren intervidas artisticamente, as casiñas penduraranse das pólas das árbores do  Parque Begoña Caamaño, situado no barrio compostelá das Fontiñas onde se desenvolverán todas as actividades. O encontro pecharase ás 19.00 horas cun concerto da cantante, música e compositora Su Garrido Pombo.