Os seres humanos non só necesitamos a auga para vivir, senón para crecer e prosperar. Con esta idea a Obra Social “la Caixa” realizou a exposición H2Oh! coa que, de xeito itinerante, visita as cidades do Estado español cunha mostra entre pedagóxica e lúdica ao tempo que profundamente informativa para concienciar a cidadanía da importancia da auga na vida do planeta e os seus habitantes. En Santiago a exposición está situada na Alameda e á súa inauguración asistiron Xan Duro, concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia; Antonio Lema, Director de Área de Negocio de CaixaBank na cidade; e Julio Masid, Director de Viaqua en Galiza. Xan Duro parabenizouse da iniciativa e aproveitou a ocasión para reclamar unha nova planta depuradora para a cidade.
Chega "H2Oh!", unha exposición que pretende concienciar da importancia da auga https://t.co/UimuFVa8BU @xanduro estivo na presentación pic.twitter.com/sSY8DVuCrP
— Nós Televisión (@NosTelevision) 17 xaneiro 2017
Antonio Lema, Director de Área de Negocio de CaixaBank en Santiago, explicou o interese que ten a Obra Social en realizar este tipo de actividades en Santiago e Galiza. Pola súa banda, o Director de Viaqua en Galiza, Julio Masid, salientou a importancia da xestión da auga e a oportunidade que brinda esta exposición para ver o seu ciclo dun xeito didáctico.
En paralelo á exposición, o público pode acceder a un xogo en liña que permite a calquera persoa converterse en xestor de auga nunha cidade imaxinaria. Con este xogo, de estrutura xeral similar a un recoñecido simulador de contrucción de cidades, os usuarios deberán construír a infraestrutura requirida para asegurar un abastecemento adecuado da auga a medida que a cidade vaia medrando. A exposición estará aberta ao público ata o 22 de febreiro.