
O Pleno municipal do concello de Ordes que terá lugar o 1 de xuño podería apoiar a non construción de parques eólicos na comarca. Esta é a intención da Coordinadora contra a Implantación de Parques Eólicos que fixo un chamamento ás diferentes forzas políticas representadas nese municipio para que asinen unha declaración institucional que tamén se presentará noutros concellos.
“Consideramos imprescindible que se dea este paso para poder blindar a vida das veciñas e veciños, a nosa saúde, o noso Camiño de Santiago, a nosa actividade agraria e o noso medio ambiente e patrimonio, ante as intencións da empresa Green Capital Power de instalar diferentes parques eólicos na comarca e arredores”, sinalan nun comunicado desde a Coordinadora.
Recollen 1.500 sinaturas en 10 días contra a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes
Apuntan que tiveron constancia de que no orde do día dese pleno figura como punto ratificar, se procede, a declaración institucional dos concellos de Frades, Mesía, Ordes e Oroso sen eólicos acordada hai varias semanas polos respectivos alcaldes. “Queremos chamar a PP, PSOE, UxO, BNG e Non Adscritos a debater o texto con responsabilidade e declarar unanimemente que as condicións socio-económicas dos nosos concellos e as características dos nosos territorios fanos non aptos para este tipo de instalacións”.
No comunicado a Coordinadora vai máis alá e esixen que a Xunta reforme “o Plan Eólico de Galicia e que a Consellería de Economía, Emprego e Industria elimine estes concellos do citado Plan”.