O concello de Santiago, a través das actuacións que realizou estes meses, conseguiu recuperar a antiga casa da conserxe do CEIP Lamas de Abade para o seu aproveitamento como aulas para o propio centro.
A recepción do inmoble realizouse hai uns poucos días e xa comezaron as obras, primeiro de baleirado para logo iniciar as de acondicionamento. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitou esta mañá o colexio acompañado do seu director, Pepe Miguéns; do presidente da ANPA, Antón Barros, e dunha representante do CPR Raiola, Magdalena Rodríguez para ver e explicar aos medios de comunicación a situación e o adiantos no caso.
Manuel Dios: “Facemos realidade un vello desexo da comunidade educativa”
Manuel Dios explicou como se chegou a recuperar esta instalación que deixara perder o PP cando gobernaba no concello e salientou que dentro das súas competencias está unha parte da resolución dos problemas do centro o resto é da Xunta.
O director do colexio agradeceu o traballo da concellaría e lembrou a ncesidade de aulario polo incremento de alumnado. Lembrou o compromiso da Xunta de ter dúas aulas novas e non unha como se anunciou agora. Pola súa parte Antón Barros, presidente da ANPA, sinalou que a sensación era “agridoce” por non acadar as dúas aulas; responsabilizando á Xunta desta situación.
A representante do Colexio Raiola, Magdalena Rodríguez, apuntou que agora “a pedra está no tellado da consellaría de Educación” en relación a cumprir a súa promesa de acondicionar dúas aulas e non unha nese inmoble.
O concelleiro de Educación informou que este ano investirase máis de 500 mil euros en reparacións nos colexios de Santiago. No caso do CEIP Lamas de Abade a inversión é de 44 mil euros no asfaltado do recinto e hoxe mesmo empezan as obras do seu parque infantil escolar.
https://nostelevision.gal/aprobado-o-inicio-do-expediente-de-expropiacion-da-vivenda/