O sector Ferroviario de CCOO de Galicia informa de que máis do 70 % do persoal con posibilidade de facer folga secundou os paros convocados este luns en Renfe, que obrigaron á suspensión de máis de sesenta liñas no noso territorio. O sindicato lamenta que os servizos mínimos “abusivos” impedana adhesión á convocatoria de todas as traballadoras e traballadores que o desexaban.
CCOO critica que o Goberno autorizase a Renfe a fixar en toda España uns servizos mínimos entre o 50 % e o 75 % nas circulacións de proximidade, do 65 % en media distancia, do 72 % en AVE e longa distancia e do 25 % no transporte de mercadorías. O sindicato lembra que xa na última folga a Audiencia Nacional acabou anulando, meses despois, os “desproporcionados” servizos mínimos.
Coa folga deste luns, CCOO denunciou que Renfe incumpre o convenio colectivo. O sindicato esixe o crecemento real do emprego, unha distribución da xornada anual que realmente axude na conciliación da vida laboral e persoal, así como a consolidación dos incrementos salariais ligados ao aumento da produtividade.