“En Catalunya abriuse unha vía de impunidade para a extrema dereita”

Nós Televisión conversa con Albert Botran, exdeputado da CUP no Parlament de Catalunya

Semana frenética en Catalunya. Este xoves, o expresident Carles Puigdemont sinalaba ao líder da ANC, Jordi Sànchez, como novo candidato dos partidos independentistas á presidencia da Generalitat. Albert Botran, deputado da CUP na anterior lexislatura, conversa con Nós Televisión acerca desta brusca viraxe que toma a situación política catalá.

 

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

O historiador e político, natural do municipio barcelonés de Molins de Rei, lamenta que Puigdemont non tivese defendido a súa candidatura no Parlament, e acepta a elección de Sànchez “sempre que dea os seguintes pasos para cumprir co mandato popular do 1 de outubro”. Botran non o dubida: non hai unha solución posíbel ao conflito actual que non pase por comezar a construción da nova República de Catalunya. O Goberno central, asegura o exparlamentario, “xoga as súas cartas en clave de ameaza” e pretende “demonizar” o debate da independencia dende as escolas.

Tabarnia é unha etiqueta inventada sen fundamento

Unha das principais figuras emerxentes tralas eleccións de decembro foi a do humorista Albert Boadella, quen se erixiu como líder do popular movemento contra a independencia coñecido como ‘Tabarnia’. Albert Botran considera que se trata dunha “etiqueta inventada sen fundamento”, ao tempo que lamenta que este colectivo estea liderado por un home “xenófobo, homófobo e ultracatólico”, así como diferentes persoeiros integrantes dunha extrema dereita que, segundo Botran, actúa con “impunidade” dende o 1 de outubro.

Nas últimas horas, Puigdemont admitía nun medio de comunicación catalá que se equivocara ao demorar tanto a declaración de independencia, unhas verbas que para Botran deberían supor unha “aprendizaxe crítica” de cara a un futuro cada vez máis indefinido.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -