Home Programas Espazo Aberto O castiñeiro, “bombeiro natural” e fonte de riqueza

O castiñeiro, “bombeiro natural” e fonte de riqueza

0
O castiñeiro, “bombeiro natural” e fonte de riqueza

A vaga de lumes do pasado mes de outubro segue a ocupar un espazo moi importante na axenda galega. Este luns reuniuse no Parlamento a Comisión de Estudo e Análise das Reformas da Política Forestal co obxectivo de continuar avanzando cara o deseño dun programa de reformas que garanta a seguridade dos montes do país. Asistiron representantes das catro formacións políticas e de diferentes asociacións ecoloxistas e do medio rural.

Os castiñeiros actúan coma bombeiros naturais, xa que non prenden se a súa contorna está limpa

A esta sesión foi convidado como comparecente Manuel López, secretario da IXP —Indicación Xeográfica Protexida— Castaña de Galicia, quen valorou as plantacións de castiñeiros como unha importante “fonte de riqueza” debido ao alto nivel de exportación da castaña, un produto que se vende a máis de 60 países en todo o mundo. Porén, o valor do castiñeiro non fica na produción de castañas, senón que é unha árbore da que se pode aproveitar unha madeira “de moita calidade”. Asemade, os terreos nos que abondan os castiñeiros son “máis limpos” e menos propensos a incendiarse, actuando a xeito de “bombeiros naturais” do monte.

Mellorar a vida no medio rural

En consecuencia, dende a IXP Castaña de Galicia instan á Xunta a fomentar a plantación de castiñeiros e frear a proliferación de eucaliptos. Así e todo, piden unha mellora das condicións de vida do medio rural, co gallo de garantir a actividade económica da zona para lograr que sexa un destino atractivo para habitar. Unha das propostas realizadas dende esta asociaición é financiar a caza do xabarín na zona dos Ancares e O Courel, co obxectivo de “sacar partido” a esta situación.