Caso Panxón: primeiros positivos nesta residencia da Xunta “por non facer test previos”

A CIG denuncia que as residentes entraron na residencia o 5 de abril e ata tres días despois non se lle fixeron as probas da COVID-19 ao persoal traballador

A residencia de maiores de Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán, foi habilitada polo Goberno galego co obxectivo de trasladar alí ás 22 persoas maiores non contaxiadas, que deron negativo nas probas da COVID-19, das residencias privadas DomusVi Aldán de Cangas e DomusVi Barreiro de Vigo, intervidas pola Consellería de Política Social tras un gran número de contaxios.

Nas últimas horas, trascendeu que esta residencia de persoas non infectadas comezou a detectar os primeiros casos positivos. Ante isto, a Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou á prensa o cronograma de accións que se tiveron lugar no traslado de maiores a esta residencia:

“Día 1 de abril: incorpóranse os/as traballadoras ao centro sen ter pasado ningunha proba do COVID-19 (e tendo traballado xa nalgunha residencia con posibles positivos)

Día 2 de abril: os primeiros catro residentes/as entran no centro recibidos por Corina Porro, Delegada da Xunta en Vigo.

Día 5 de abril: incorpóranse o resto de residentes.

Día 8 de abril: fan as probas ao persoal.

Día 14 de abril (domingo): os resultados comunícanselle ao persoal”.

Con este cronograma na man, o sindicato responsabiliza os contaxios por coronavirus en Pantón a “como mínimo, unha mala xestión da crise” por parte da Xunta. “O  incumprimento das obrigas provoca infectados”, sosteñen. Con isto, a CIG apunta tamén á falta de EPIs e da realización de test ao persoal traballador, unha indicación que conta co aval de Inspección de Traballo. Dende Esquerda Unida demandan explicacións públicas e asunción de responsabilidades por parte da Xunta de Galicia.

 

 

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego