Case un 20% dos apelidos actuais en Galicia proceden da castelanización

Rodríguez é o apelido máis común en Galicia con 237.000 usuarios. Láncara, Sanfíns, Miñor, Santradán ou Manselle son algúns apelidos en perigo de extinción

O Consello da Cultura Galega presenta o volume Antroponimia e Lexicografía, en colaboración co Instituto da Lingua Galega. Nel recóllense as achegas de varios autores e estudosos da toponimia a nivel internacional e sobre todo da galega, que participaron no simposio homónimo da USC en 2016. A encargada da súa edición foi Ana Isabel Boullón.

O volume de ensaio e investigación é unha publicación conxunta do Consello da Cultura Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega

Así, entre os datos máis curiosos deste novo estudo destaca que Rodríguez é o apelido máis común en Galicia con 237.000 usuarios e que un 17% dos apelidos actuais proceden da castelanización de apelidos galegos que se produciu desde o século XVI. Ademais, hai apelidos que están en perigo de extinción como Láncara, Sanfíns, Miñor, Santradán ou Manselle

Entre os temas que se tratan, destaca a análise da tendencia á castelanización que veñen sufrindo os apelidos galegos dende hai séculos. Neste aspecto, o obxectivo é a normalización, dar a coñecer as formas orixinais para poder ter a posibilidade de restituílas.

Tamén recolle investigacións sobre a etimoloxía de certos apelidos, e analízase a influencia da antroponimia no léxico común (por exemplo a expresión de “ser unha maruja” que provén do nome propio).  En definitiva, “pretende contribuír a afondar no coñecemento e valor simbólicos dos apelidos en Galicia“.

Para acceder ao formato dixital do libro, prema aqui.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego