O Porriño conta cun dos centros tecnolóxicos máis importantes de todo o Estado español. Este xoves recibiu a visista da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, coa intención de coñecer de preto o seu traballo.
Competir a nivel mundial nas TIC
“Toda a veciñanza da provincia ten que coñecer que temos un dos mellores centro tecnolóxicos que pode competir con calquera a nivel mundial en innovación, tecnoloxía e investigación”, asegurou Silva, que estivo acompañada polo deputado de Innovación, Javier Dios e o de Cooperación, David Regades, ademais da alcaldesa do Porriño, Eva García, salientou tras a visita as instalacións de Aimen, que cumpriu os cincuenta anos o pasado 2017, que “trátase dun centro de altísimo nivel que pode aportar moito á industria e á economía da nosa provincia porque pode competir con calquera a nivel mundial”. A Presidenta insistiu en que o futuro pasa por “novos produtos ligados a innovación e investigación en todos os sectores da industria e, temos a sorte, de que na nosa provincia contamos cun centro tecnolóxico punteiro a nivel nacional e internacional”.
En Aimen foi recibida polo Presidente do centro, Fernando Vázquez e o Xerente do centro tecnolóxico, Jesús Lago, quen explicaron o traballo que se fai nun centro que é un referente en España e Europa tanto no campo das tecnoloxías de unión e láser, como na investigación de múltiples materiais e procesos industriais aplicados aos principais sectores da economía como a automoción, a aeronáutica, o naval, o metal ou o enerxético.
O presidente agradeceu a visita de Carmela Silva e pediu as administracións públicas unha maior aposta polo esforzo, o traballo e os resultados que empresas tecnolóxicas como Aimen están a ter para a súa aplicación no territorio. “Se algún sector pode garantir emprego estable e subir os salarios ese sector é a industria. e non hai un centro que teña un maior coñecemento da industria galega que o noso”, dixo Fernando Vázquez, que puxo en valor “o liderado dun centro tecnolóxico case paritario, (60% – 40%), e no que a formación é clave”.
Máis de 50 anos de historia
Aimen naceu en 1967 por iniciativa dun grupo de empresarios galegos e na actualidade conta con máis de duascentas persoas traballando nos seus dous centros de Porriño que ocupan máis de nove mil metros cadrados e conta con máis de 700 clientes nacionais e internacionais. Nos últimos dez anos desenvolveu preto de 650 proxectos de investigación e nos últimos cinco anos rexistro un total de 17 patentes.