A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, falou na mañá deste mércores nun almorzo informativo sobre os investimentos da Deputación na comarca do Deza. Na quenda de preguntas, Silva falou da súa negativa a acudir ao Parlamento de Galicia a presentar os orzamentos do ente provincial. A presidenta aclarou que ela respecta a Constitución e di non ser “submisa”. “Non hai norma que diga que as entidades locais teñan un rango menor”, aclarou.
A presidenta provincial acudira ao Parlamento por última vez no 2016 daquela fora acosada por cuestións alleas aos presupostos por un deputado do Partido Popular.
Ademais, fixo fincapé en que as deputacións teñen “personalidade xurídica propia”. “Que as administracións locais teñan que estar supeditadas é anticonstitucional”. En referencia a isto dixo que outros políticos sacan bandeiras enormes “de moitos metros” e despois “non len a Constitución”. “Eu si que leo a Constitución”, indicou
Xa está ben que nos consideren de terceira. Somos de primeira
Sobre as respostas do Partido Popular nas que criticaban a decisión de Carmela Silva indicou que “as descualificacións, as calumnias e as insidias do PP non se van comentar máis”. “Xa está ben que nos consideren de terceira. Somos de primeira”. Reflexionou tamén de que “a discrepancia con argumentos non é asumida”.
Da mesma maneira a socialista indicou que xa fai a presentación deles no pleno da Deputación. Os Orzamentos estarán aprobados nos vindeiros días e entrarán en vigor o 1 de xaneiro, segundo asegurou Silva.
Nese mesmo almorzo informativo indicou que na comarca do Deza investiranse 32.599.586€, o que sinalou que é o “maior investimento da historia da Deputación nesta comarca”.