Reivindicativa xornada este 8 de marzo no Pazo provincial de Pontevedra. As traballadoras e deputadas desta institución secundaron a xornada de folga feminista de 24 horas para esixir, un ano máis, a igualdade entre mulleres e homes.
Para darlle visibilidade a esta data o goberno provincial convocou unha concentración no vestíbulo principal e distribuiu camelias brancas entre as asistentes, símbolo que marcou o movemento sufraxista e ao tempo flor presente na propia provincia.
Manifesto 8M
No acto visionouse o vídeo “Somos culpables” realizado polo colectivo Volando vengo e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu lectura a un manifesto.
O texto, titulado “O futuro é con nós”, achegou referencias históricas de grandes loitadoras como Virginia Woolf ou Simone de Beavoir para dar paso ás reivindicacións actuais como as da xornalista Ana Pardo de Vera (O xornalismo é feminista ou non é xornalismo), a maxistrada Gloria Poyatos (Vivimos na cultura da igualdade simulada) ou a cibertivista feminista Cristina Hernández que foi ameazada de morte en varias ocasións.
Non podía faltar no manifesto unha lembranza para as mulleres que hoxe non están, vítimas da violencia machista, e para o futuro inmediato. O texto rematou con verbas contundentes: Alcemos a voz polas que xa non están, polas que van vir, por elas, por nós. Por todas. ¡Viva o 8 de marzo!.