Dous meses despois de ser investida por segunda vez como presidenta da Deputación de Pontevedra, a viguesa Carmela Silva recibiu ao equipo de Nós Televisión no Pazo provincial. Na sala, varios tapices cubren as paredes do edificio que suma máis de dous séculos e unha alfombra percorre o chan alcochando o son dos tacóns da presidenta do ente provincial. En 2015, Carmela Silva converteuse na primeira presidenta dunha Deputación. “Non abonda con que eu sexa a primeira muller presidenta dunha Deputación”, sinala, “cando chega unha muller, con ela teñen que chegar todas”.
“Eu non son todos, son toda”
Carmela Silva apela á transversalidade das políticas feministas. “Primeiro, deben implicar unha dotación de recursos económicos para os concellos e os colectivos de mulleres”. Entre algúns dos proxectos que levaron a cabo destaca ‘Rompe, xoga en igualdade’, ‘Mulleres en acción. Violencia zero’ ou a elaboración dunha guía sobre linguaxe inclusiva. “Eu non son todos, son toda e quero que me nomeen”, sostén a presidenta da Deputación.
Neste senso, insta a mudar a lei sobre violencia de xénero para ampliar a definición de asasinatos machistas. Carmela Silva pide que se teñan en conta todos os crimes machistas e non só os cometidos polas parellas ou exparellas das vítimas.
Con respecto á normativa, a presidenta da Deputación tamén solicitou a creación dunha nova lei que regule o negocio on-line facendo especial fincapé nas casas de apostas. “Estamos normalizando o xogo!”, apuntou ao mesmo tempo que lamentou a posibilidade de apertura dunha casa de xogos nunha zona educativa en Redondela.
“Vexo a Alberto Núñez Feijóo aburrido”
Carmela Silva destaca o bo trato con todas as administracións. “Os alcaldes do PP están encantados coa nosa forma de gobernar”, di ao mesmo tempo que explica que o reparto de recursos na Deputación se realiza con “criterios obxectivos”. Non lle resulta tan boa a relación coa Xunta. “Vexo a Alberto Núñez Feijóo aburrido”, sentenciou ao mesmo tempo que di agardar a que o Partido Popular perda as vindeiras eleccións galegas para acadar “unha Galicia mellor”.