Home Programas Espazo Aberto Carlos e Elena: “Toupiña foi a primeira cervexa artesá galega”

Carlos e Elena: “Toupiña foi a primeira cervexa artesá galega”

0
Carlos e Elena: “Toupiña foi a primeira cervexa artesá galega”
Carlos e Elena, fabricantes de cervexa ecolóxica

Elena Díaz e Carlos Brea son enxeñeiros agrónomos e decidiron hai uns anos dedicarse ao mundo das cervexas artesás creando “Toupiña”. A súa non é unha marca máis, conta cunha sensibilidade especial e un coidado exquisito que se traduciu nun éxito no mercado. A modo foron medrando e agora contan xa con fábrica propia.

Como naceu “A Toupiña”?
Carlos- Eu son profesor e daba cursos en Lugo de elaboración de cervexa á xente para que se iniciara. Había moito interese. Daquela decateime que en Galicia non había quen fixera unha cervexa ecolóxica e pensei… ímola facer nós.

A idea xurdiu no 2015 e comezamos en Ourense. Éramos nómadas que significa que non tiñamos fábrica polo que facíamola nunha que tivese o certificado ecolóxico. Comezamos a buscar o nome. Toupiña chamouse polo meu tío- avó ao que estaba moi achegado. Era unha persoa solteira, traballadora do campo e que nunca quixo cartos. Só tiña o que lle daba a terra. Ensinoume como traballar a terra sen fitosanitarios, non andaba con tractor. Se o trasladamos ao século XIX sería igual. Por desgraza faleceu no 2004 e o nome foi un tributo aos “toupiñas” que todos temos nas familias. O seu alcume era Toupa mais por motivos de marca tivemos que poñerlle Toupiña.

Toupiña chamouse polo meu tío- avó ao que estaba moi achegado

Como foron os inicios?
Elena- Moi difíciles. Aínda o son. Comezamos nómadas dependendo doutras instalacións e como era moi complicado por non poder ter a cervexa cando nós a necesitabamos por ese período de maduración de tres meses mínimo decidimos apostar moi forte e montar a nosa propia fábrica. Aproveitando que Carlos tiña a dispoñibilidade de chan e dunha construción na casa da súa aboa.

Carlos- Foi onde naceu Toupa e a casa quedara abandonada. Sería máis económica nun polígono mais como o proxecto era singular pensamos que perdería a esencia. Rehabilitamos unha palleira e alí en maio de 2016 foi o salto. Todo o proceso facémolo nós.

Que público ten esta cervexa?
Carlos- O boom das cervexas artesás foi no 2016. Nós diferenciámonos en que ademais de ser artesá é ecolóxica. Foi a primeira cervexa ecolóxica galega. Queiras que non é un “apelido”. Agora mesmo hai dúas ou tres ecolóxicas máis en Galicia. É un mercado moi inmaduro. As cervexas son moi volátiles, hoxe están e mañá desaparecen ou mudan de nome. Pouco profesional porque, ao ser nómadas é barato. Con dous mil ou tres mil euros tes a túa cervexa no mercado. O problema é que se non continúas perxudican. Outros venden cervexa de mala calidade e se a xente non lle gusta tamén perxudica a todos.

As cervexas artesás son un mercado moi inmaduro

Elena- A min nunca me gustou a cervexa, non tomo bebidas alcohólicas. Nembargantes bebo a Toupiña. Fomos modificando as cervexas que facemos ata procurar un sabor diferente. Moita xente valorou isto, deixase beber ben. A nosa tostada ten moito contido alcohólico mais eu béboa perfectamente. Decidimos orientarnos nese sentido no mercado. Cervexas semellantes hai moitas mais hai un sector da xente buscaba algo diferente.

En que se diferencia a ecolóxica das demais cervexas artesás?
Carlos- As ecolóxicas están reguladas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia que fai auditorías. Temos unha lexislación a nivel europeo onde nos indican os produtos que podemos empregar. Temos totalmente prohibido empregar transxénicos e ademais teñen que ser con fitosanitarios autorizados na regulamentación europea.

Temos unha lexislación a nivel europeo onde nos indican os produtos que podemos empregar

Os ingredientes básicos dunha cervexa artesá son a auga, o cereal, o lúpulo e a levadura. O cereal principal é a cebada e outros malteables que son a avea, o centeo e o trigo. O principal ingrediente é o lúpulo. Todos teñen que estar cultivados seguindo unhas pautas. Nós temos unha pequena plantación de cebada e lúpulo ecolóxico coa que facemos unha especial que sacamos unha vez ao ano.