O vindeiro 8 de Marzo, Día internacional da Muller, está convocado en máis de 150 países un paro internacional de mulleres. Coordinado en España pola Comisión 8 de Marzo, conta co apoio de sindicatos de traballadores do Estado e ven amparado polo precedente do pasado ano, cando se convocaron paros parciais en España e outros 57 estados. Nesta ocasión a idea da organización é que este se prolongue ao total da xornada laboral. Coa denominación de “feminista” a intención é que esta non se limite a un receso no posto de traballo, senón facer unha chamada a condenar a violencia que sofren as mulleres en distintas facetas da súa vida.
En Galicia a Confederación Intersindical Galega presentou o pasado 21 de Febreiro o informe “Muller e mercado laboral”, no que se suma ao chamamento a suspender todo tipo de actividade durante as tres quendas da xornada (De 00:00 a 02:00, de 12:00 a 14:00 e de 19:20 a 21:30). Neste documento expoñían as súas motivacións para subscribir a folga, entre os que destaca unha fenda salarial -diferencia retributiva entre ámbolos xéneros- cada vez máis sangrante, que leva medrando desde o 2015 e que actualmente se sitúa no 22,3%. Sinalan asemade que as desigualdades non se atopan só no salario base, senón noutros modos de discriminación indirecta como a diferenza nos complementos salariais, a maior presenza de mulleres en ocupacións a xornada parcial ou empregos e ramas de actividade feminizados, e en consecuencia peor remunerados.
A caída da poboación activa e ocupada tamén é un asunto que preocupa á CIG, vinculado coa crecente emigración dos máis mozos e os históricos problemas demográficos que sofre Galicia, xa que a falta de mulleres novas leva a maiores caídas de poboación. “Se non se toman medidas, Galiza converterase nun deserto”, aseguran no documento. Ademais, a moitas das mulleres contratadas a tempo parcial resúltalles imposible atopar unha ocupación a xornada completa. O problema trasládase ás pensións de xubilación e viuvez, cunha fenda que roza perigosamente o 40%.
Estas son as razóns polas que mañá, ademais da folga no traballo asalariado, instan a tódalas mulleres a unha folga de consumo, folga de brazos cruzados nas tarefas de coidado e o boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista. O obxectivo: poñer en valor a importancia capital das mulleres, que son a metade de Galiza e a metade do mundo. Demostrar que se elas paran, o mundo para.