O Pazo do Hórreo acolleu este mércores a primeira sesión de control ao presidente da Xunta tras as eleccións estatais e o preacordo de goberno entre o socialista Pedro Sánchez e líder de Unidas Podemos Pablo Iglesias. O voceiro do grupo de Grupo Común da Esquerda centrou a súa pregunta a Alberto Núñez Feijóo no “abandono, envellecemento e espolio” do rural galego. “Non se pode invertir esta tendencia sen unha aposta polo público, non se pode facer pechando escolas, quitando médicos e pediatras ou deixando sen facer os centros de día necesarios, eliminando os técnicos das oficinas agrarias ou os investigadores dos centros de investigación agrarios”, sostivo.
Para Antón Sánchez, “o que acontece no rural non é casualidade, é un proceso de destrución cultural, social e ambiental, no que as súas políticas son protagonistas”. Tamén aproveitou a ocasión para preguntarlle ao presidente da Xunta e líder dos populares galegos se vai seguir pactando con Vox, “esa forza racista, xenófoga e machista”. Unha liña na que afondo o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que apelou ao pacto do PP con Vox e Ciudadanos en Andalucía que outorgou a presencia da Junta ao popular Juan Manuel Moreno Bonilla. “Non estou nada preocupado polo acordo subscrito”, chegara a dicir daquela Núñez Feijóo. Unhas palabras que Caballero lle lembrou hoxe ao presidente do Executivo galego no hemiciclo tras o gran ascenso de Vox nas urnas.
Fóra da sesión de control, a oposición levou ao Pleno cuestións como o desmantelamento da sanidade pública. Dende o Bloque Nacionalista Galego, a deputada Noa Presas esixiu unha atención pediátrica digna en relación aos déficit de servizo que está sufrindo a provincia de Ourense. A nacionalista deu unha cifra: hai 1.200 crianzas que están a espera de ser atendidas.