A equipa de Nós Televisión tráevos unha listaxe de sete pezas audiovisuais que xiran arredor da nosa lingua.
1 – Na Coruña, en galego?
Moito se ten falado do pouco uso do galego na Coruña, pero canto hai de certo e canto de mito?
2 – Couceiro, a resistencia das librarías en galego ante a covid-19
A incerteza e os obstáculos sempre abafaron ás librarías, sobre todo as que apostan polas letras galegas. A chegada da covid-19, e as súas consecuencias, agravou a situación do libro en galego. Entramos na libraría Couceiro que, dende os seus inicios, fixo fronte a infinitos obstáculos para recoller coñecementos e consellos á hora de artellar a resistencia das nosas librarías ante a covid.
3 – Galego na Universidade: por que non?
Máis do 80% das alumnas da Universidade de Vigo toman apuntamentos en castelán. En galego, só o fan sempre o 7%. Un reflexo da situación sociolingüística do país.
4 – Galego de todo o Mundo
Un programa conducido polo profesor Eduardo Maragoto que busca reflexionar sobre a nosa lingua e o espazo lusófono.
5 – Galego de todes? Reflexións sobre a linguaxe inclusiva e non binaria
Os movementos sociais veñen xerando novos debates e esixindo que as súas reivindicacións sexan escoitadas. Isto abrangue tamén a linguaxe, construída nun sistema patriarcal que tende a ficar atrás do sentir das rúas.
6 – Youtubeirxs e galegueirxs
Cada vez hai máis creadoras no país; que contidos fan e ata que punto chegan á sociedade?
Falamos con Olaxonmario, Toxío, O Jato Kósmico e o Grupo San Roquiño da creación audiovisual en galego en Youtube ou Instagram e dos prexuízos cara as redes e a lingua.
7 – Orgullo Galego, unha comunidade na rede
Orgullo Galego é a comunidade en galego máis grande da rede. Atención ó dato: son máis de 295 mil nas redes sociais! A equipa de Nós Televisión desvela quen está detrás da xestión deste proxecto que une a tantas persoas a través da nosa lingua.