As casas de pedra abrigaban ás familias cuxa vida xiraba arredor da lareira, as cortes, os alpendres, os hórreos ou os muíños que quedarían asoligados nas augas do encoro do Rexedoiro. A comarca, unha chaira con boas terras de cultivo, sustentaba unha economía labrega na que o gando e a terra tiñan unha importancia vital. Os terreos que hoxe ocupa o Polígono Industrial de Sabón pertencían, ata 1965, ao rural galego.
Estas terras que posuían as veciñas e veciños labregos estaban cargadas de historia. Ante a perda de poder adquisitivo de determinadas familias adiñeiradas, como so Nava e Ortega, Santos, Suárez de Deza ou os Del Río, as labregas da zona compráronlles as terras nos primeiros anos do século XX cun enorme sacrificio. Moitas das súas descentes deixan o seu testemuño neste proxecto audiovisual de Xabier Maceiras e Xosé Bocixa que conta coa participación de Nós Televisión na produción e tamén na emisión do filme. O documental recibe o nome de ’12 leiras’ porque doce foron as leiras que lles expropiaron a Emilio Rodríguez e Carme Pan, avós maternos de Xabier Maceiras, guionista e codirector do proxecto.
“Non debemos esquecer nunca o sacrificio daquelas expropiacións das que pouco ou nada se falou”
Para que nace este proxecto?
O obxetivo da ’12 leiras’, segundo os seus creadores, provén da necesidade de “deixar constancia do sufrimento vivido por ducias de persoas que foron mártires dos chamados ‘Polos de Desarrollo Industrial’. Non debemos esquecer nunca o sacrificio daquelas expropiacións das que pouco ou nada se falou e, por tal motivo, pensamos que a súa lembranza debe manterse viva a través dos anos, para que se medite do que é e foi o progreso”. Así, o documental dá voz ás labregas que nunca se beneficiarían da posterior chegada da industria. Ningunha delas foi contratada polo feito de ter sufrido a expropiación das súas casas e as súas terras.
“Nos seus contos entre liñas tan só podemos imaxinar esas paraxes que marcaron as súas vidas mediante as fotografías que herdamos dos nosos devanceiros, imaxes coas que, na compaña do testemuño de varias persoas afectadas polas expropiacións que aparecen neste proxecto audiovisual”. O documentario recupera a memoria daquel Sabón de antano, das veciñas e veciños de O Seixedo, O Rexedoiro, O Rañal, Figueiroa, Sabón, A Pedreira, Rañobre, Oseiro e Arteixo.
Cando chegará a estrea?
O documental, realizado por Xosé Bocixa e Xabier Maceiras, conta coa participación de Tingalaranga Comunicación audiovisual, A C Monte da Estrela (Arteixo) e Nos Televisión e está acompañado do libro ‘Sabón’ que completa a historia polo miúdo da transformación dunha despensa alimentaria da Coruña en zona industrial abafada polas multinacionais. A estrea do documentario realizarase este sábado, día 5 de outubro, ás 19 horas no Auditorio Centro Cívico Cultural de Arteixo.