Home Programas Área Compostela “Cándido e os demais”, obra gañadora do Premio Compostela de Álbums Ilustrados

“Cándido e os demais”, obra gañadora do Premio Compostela de Álbums Ilustrados

0
“Cándido e os demais”, obra gañadora do Premio Compostela de Álbums Ilustrados

A undécima edición do Premio Internacional ‘Compostela’ de Álbums Ilustrados xa coñece ao seu gañador. Trátase de “Cándido e os demais” —do alacantino Fran Pintadera e o barcelonés Christian Inaraja—, unha obra que reflicte a un rapaz que se sinte incomprendido e tenta entender o mundo. A editorial Kalandraka publicará este conto en galego, euskera, catalán, castelán, portugués e inglés.

A obra será publicada en galego, euskera, catalán, castelán, portugués e inglés

O xurado do concuros salienta o “alto nivel” desta edición, na que se presentaron 161 obras procedentes de 18 países diferentes. “A ensartadora de bágoas”, das italianas Anna Pedron e Franca Perini, foi declarada finalista. Así e todo, “Ninguén coma min”, do coruñés José Ignacio Chao e a barcelonesa Eva Sánchez, e “A cidade conta histórias”, da lisboeta Susana María Seixas, obtiveron unha mención especial.

Lembranza a Xabier P. DoCampo

Por outra banda, o xurado quixo facer unha lembranza ao recentemente falecido Xabier P. DoCampo. O escritor, que formou parte do xurado deste galardón en dúas ocasións, foi incluído na acta, onde as e os compoñentes do tribunal amosaron o seu pesar polo finamento.

Esta pequena homenaxe a DoCampo súmase ás moitas que ten recibido nas últimas horas unha figura chave da literatura galega. O xurado desta edición estivo composto por Manuel Dios, concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuela Rodríguez, da editorial Kalandraka, a ilustradora Arianna Papini e os ilustradores Xosé Cobas e Miguel Ángel Fernández-Pacheco.