“Ti controlas, ti decides”. Baixo este lema presentou o Concello a súa campaña de seguridade viaria no IES Xelmírez I, ante a atenta mirada dun cento de estudantes de bacharelato. No evento, conducido polo concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, participaron as e os responsábeis da Policía Local, Protección Civil, os Bombeiros e o 061. Antes de comezar o coloquio aberto, proxectouse o vídeo promocional da campaña.
alumnos e alumnas da Facultade de Comunicación realizaron e produciron o vídeo
Un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación na USC foi o encargado de realizar o proxecto audiovisual. A xeito de película e coa música da cantante Noelia —gañadora do I Certame de Música Galega da Universidade—, dúas alumnas e un alumno escenifican a dor e a tristura que acompañan a un accidente de tráfico, unha das principais causas de mortalidade entre a xente nova.
O Concello agarda que esta campaña, que se proxectará nas vindeiras datas en diferentes centros escolares da cidade, axude a concienciar á mocidade do perigo de conducir baixo o efecto das drogas.