A tese doutoral de Ana Mesía, investigadora da USC, pon de manifesto as deficiencias na xestión dos recursos turísticos de Galicia. Mesía conclúe que as e os visitantes só se achegan até os edificios e zonas máis emblemáticas de cada vila, esquecendo outros lugares próximos. Para paliar esta situación, é precisa unha “planificación integral” dende as diferentes administracións.
Se noutras cidades cobran entrada por acceder aos monumentos, por que aquí é de balde?
Nas últimas datas mantívose no debate público a cuestión da “taxa turística”, é dicir, un imposto ao turismo para axudar ao desenvolvemento da cidade. Ana Mesía non desbota esta opción, e incide especialmente na importancia de cobrar a entrada aos grandes monumentos que compoñen o patrimonio cultural de Galicia.
Mesía comezou artellar esta tese no ano 2010, da man do profesor Juan Manuel Monterroso. Para realizar esta investigación, seleccionáronse catro municipios de cada provincia galega declarados, no seu conxunto histórico, bens de interese cultural.