En Galicia existen 159 casas de apostas, incluídas as que se atopan en trámites de aperta. A súa proliferación no noso país sucedeu cunha normativa vixente moi feble que permitiu a súa rápida expansión duplicándose en número nos últimos seis anos. Ante o malestar social que isto causou, a Xunta comezou a traballar nunha futura Lei do Xogo en Galicia que está sendo redactada pola chamada ‘Comisión do Xogo’, na que só participa representantes do goberno e do propio sector do xogo contando con portavocías dos casinos, dos bingos e das máquinas de xogos. Ningunha entidade ou colectivo social, ou de representación das afectadas polas ludopatías, participa da redacción da nova lei.
Á vez que se puxo en marcha esa Comisión, o Goberno galego deixou provisionalmente de outorgar novas licenzas para a instalación de casas do xogo. Neste periodo de tempo, as empresas que xa tiñan licenza foron abrindo os seus establecementos en medio dun silencio político que abocou ás persoas á confrontación de situacións como a que atravesa nestes momentos Redondela onde unha empresa de apostas pretende abrir un establecemento nunha zona educativa.
Nas últimas horas, as cidades da Coruña e Compostela, xunto Boiro, mobilizáronse solicitando o peche das casas de apostas nos barrios. Por esta razón, dende Nós Televisión entramos no Parlamento e preguntámoslle a cada un dos grupos políticos que accións e propostas teñen pensado levar a cabo contra este tipo de negocios.
En Marea, “todas as retransmisións deportivas están copadas”
O grupo parlamentario de En Marea apela á ética e pídelle aos referentes deportivos que “non se presten a incentivar este tipo de actividades” que afectan ás persoas máis novas.
BNG, “cada vez son máis novos”
A deputada nacionalista Monste Prado condena a proliferación das casas de apostas e sostén que “é urxente que a Xunta traia a futura Lei do Xogo ao Parlamento”.
Grupo Común da Esquerda, “ten que estar lonxe das familias”
Eva Solla solicitou que as políticas camiñen cara a eliminación total deste tipo de negocios.”Debe tramitarse unha nova que impida a súa implantación, que controle as vixentes e camiñe cara a súa desaparición. (…) Non é un modelo de ocio”.
Partido Socialista Galego, “ten máis importancia o xogo online”
Xaquín Fernández Leiceaga pon o foco no xogo online e do perigo das apostas “só cun click”. O voceiro parlamentario socialista chama á Xunta a que estude esta realidade e poña coto á proliferación deste tipo de negocios.
Partido Popular Galego, “o obxetivo é adaptar unha actividade legal ás realidades sociais”
Pedro Puy apela á futura Lei do Xogo que prepara o Goberno galego xunto co propio sector e sostén que “o obxectivo é adaptar unha actividade legal ás realidades sociais tanto por parte dos empresarios como da administración, pola protección dos menores”.
Coa futura Lei do Xogo, a Xunta sostén que pretende poñer coto ás casas de xogo. Unha medida que se contrapón coa adoptada hai dous anos, cando o Goberno galego ampliou o límite das máquinas de apostas nos locais de hostelería que pasaron de ter un cupo de 2.000 a 3.600.