“En liña coa estratexia da Xunta de Galicia e das empresas do sector alimentario, BFFood pon o foco nos mercados internacionais dende dous puntos de vista. En primeiro lugar, BFFood está preparada para aloxar proxectos procedentes de calquera rexión e país. En segundo lugar, os proxectos de BFFood recibirán o apoio adecuado para internacionalizarse e conseguir clientes nun mercado global”. Con estas palabras se anuncia o ‘Business Factory Food‘ (BFFood) que esta semana anunciou o comezo da súa segunda edición. Defínese como unha aceleradora do sector alimentario de Galicia co obxetivo de “consolidar novas empresas que acheguen solucións innovadoras ao mercado, consolidar o tecido empresarial e industrial do sector galego e atraer talento nacional e internacional”.

Nun momento no que o rural galego se atopa en pleno desmantelamento, e cunha urxencia de saídas económica e produtivas, non para de chamar a atención a creación desta aceleradora. Por un lado, está conformada por grandes compañías empresariais como Grupo Nueva Pescanova, Gadis, Capsa Food, Feiraco ou Calvo.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Non só participan as empresas senón que as persoas directivas das compañías adoptan un papel nesta aceleradora. Os directivos destas empresas exercen como mentores dos proxectos seleccionados e incluídos dentro deste BFFood. “Queremos abrirnos a novas ideas, a novas propostas, por parte das star-ups baseadas nos retos que propoñemos”, sostén o director de Nueva Pescanova, Juan José de la Cerda.

A maiores, contan cun comité técnico conformado polas tres universidades galegas, ANFACO ou mesmo a Fundación FEUGA. Mentres, o comité asesor está conformado pola Cámara de comercio de Compostela, Coremain ou a Asociación Empresarial do Tambre.

Os intereses da aceleradora quedan totalmente controlados pola patronal. De feito, os requisitos para a escolla de proxectos baséanse especialmente no “grao de innovación tecnolóxica e de negocio” ou no “risco asumido pola entidade promotora”, sen ter en ningún momento en conta as condicións sociais.

Os proxectos escollidos deben ser dez. Durante a chamada etapa de aceleración, poderán ter acceso a un fondo perdido de 25.000 euros outorgados polo organismo público GAIN ou ben poden obter un préstamo participativo de ata 50.000 euros por parte doutro organismo público, o XESGALICIA.

Como era de agardar, o financiamento do Business Factory Food recae na man de todas e de todos nós a través de tres organismos da Xunta: o GAIN, o XESGALICIA e de onde procede o maior capital, o IGAPE. Todo envolto nunha promoción da ‘cultura emprendedora’ que, na práctica, resulta un bufete libre para o empresariado financiado polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Segundo datos do Sindicato Labrego Galego, entre o 2015 e o 2017 pecharon máis de 1.000 granxas dedicadas á industria do leite en Galicia.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -