O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou este xoves as súas propostas de comercio, entre as que destaca un Programa Estratéxico de Comercio Innovador 2020/2030, un Plan de dinamización e renovación comercial da Cidade Histórica, e o recoñecemento de Área Central como grande superficie comercial vinculándoa As Cancelas.
Baixo o epígrafe Compostela, cidade de compras, o programa socialista sitúa ao sector comercial como o motor e eixo vertebrador da dinamización económica da cidade. Outra das propostas explicadas por Sánchez Bugallo, é reforzar a atractividade comercial da cidade, con políticas urbanísticas e de mobilidade que contemplen a vocación comercial de zonas como o Ensanche, a Cidade Histórica ou Fontiñas/Cancelas. Para a Cidade Histórica, o compromiso é un Plan de dinamización e renovación comercial, incorporando unha estratexia de captación de ofertas e actividades capaces de xerar atracción.
Sobre o proxecto Peleteiro, sinala Bugallo que é o “último espazo de oportunidade que queda no Ensanche”. No programa socialista contémplase unha reurbanización para que “sexa un elemento de reactivación comercial e inclúa equipamentos e dotacións públicas”.
Sobre as eleccións, Bugallo asegura que “nada está decidido” e pide á cidadanía que o 26M aposte por “un goberno forte, con capacidade real de cambio, capaz de resolver as demandas de Santiago e de afrontar os retos que se presentan”.