Bugallo reclamou recentemente paralizar o acceso á estación intermodal e resideñalo por completo. Coa obra contratada e a piques de comezar, o candidato socialista á alcaldía de Santiago esixiu que o goberno de Compostela Aberta paralice de inmediato ao ser esta unha obra “mal planificada”. A proposta do líder das e dos socialistas da cidade contou tamén co apoio da conselleira de Infraestruturas da Xunta, Ethel Vázquez.
Coa obra contratada, o ex-rexedor da cidade instou ao executivo de Noriega a suspender o contrato, pagar a indemnización e deixar a decisión definitiva para despois das eleccións Municipais. Algo que, para xuízo de Martiño Noriega, resulta “difícil de entender”. “A receita de Bugallo é homeopatía do público pois propón paralizar unha obra cando o que el analiza é que hai unha parálise na cidade” resaltou hoxe en rolda de prensa o dirixente de Compostela Aberta.
Non corresponde para nada coa realidade
O Goberno Municipal sostén que os informes presentados por Bugallo non se poden soster con firmeza pois os datos ofrecidos polo PSOE non corresponden coa realidade polo que desbotan paralizar o proceso de acceso á futura Intermodal. Onde Bugallo ve un “futuro colapsado”, Compostela Aberta ve un simple “alarmismo electoral”. Nunha recente entrevista concedida á Cadena Ser, o edil Jorge Duarte lamentou a “metedura de pata” de Bugallo e desbotou as cifras presentadas polo líder socialista: “Non é certo que vaian pasar 800 buses diarios por Clara Campoamor cando actualmente son 550 os que entran en Santiago, dos cales uns 300 terán parada na rúa do Hórreo”