O BNG propón un modelo de aparcadoiro gratuíto como alternativa á ORA

Rubén Cela insta ao Goberno local a non facer “a novena prórroga ao contrato da ORA” anulado por sentenza xudicial

Pasan os meses e aínda non se atopou unha solución ó problema da ORA e o guindastre. O BNG advirte de que o vindeiro 31 de xaneiro rematará a prórroga concedida a Setex Aparki, polo que a prestación do servizo ficaría no aire. A formación nacionalista pide ó Concello que “non conceda unha novena prórroga”, ao tempo que demanda ao alcalde, Martiño Noriega, unha maior celeridade no proceso de municipalización de ámbolos dous servizos.

Deste xeito, Cela reclamou hoxe que se paralice o servizo de xeito inmediato, que se continúe o proceso de remunicipalización do guindastre e que se estude a serio unha proposta alternativa á ORA.

Noriega, pola súa banda, criticou as verbas acusatorias de Cela asegurando que o Concello traballa arreo para solucionar o conflito, malia as “múltiples trabas” que atopou á hora de executar a municipalización.

Unha batería de propostas

o BNG anuncia unha campaña para reclamar un modelo alternativo e gratuíto para aparcar en Santiago de Compostela

Con todo, a corporación municipal do BNG presentará no vindeiro pleno unha batería de iniciativas e preguntas ao goberno de Compostela Aberta, co obxectivo de emprender unha campaña a prol dun servizo de aparcadoiro gratuíto que permita aos cidadáns e cidadás estacionar na cidade sen custo algún.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego