A formación nacionalista entrou de cheo na precampaña ao tempo que o resto de partidos políticos de Galiza. Esta fin de semana a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participo nun cumio de concelleiras e concelleiras, alcaldes e alcaldesas que congregou en Santiago a cerca de 300 cargos locais para preparar os comicios de 2019.
“Os municipios que goberna o BNG son un desafío a esa idea de que Galiza non pode valerse por si mesma”, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, “Demostramos con feitos que temos un modelo propio que funciona desde a confianza nas capacidades deste país, que non necesita copiar o que ven de Madrid, un modelo que podemos ver en cada un dos concellos nos que temos responsabilidades de goberno, desde aqueles máis consolidados aos máis recentes, desde Allariz e Pontevedra, a Carballo, Rianxo, Tomiño, Bueu, San Sadurniño, A Mezquita, Castrelo de Miño,…por citar algúns exemplos”
A portavoz nacional animou aos concelleiros e concelleiras e ao conxunto da militancia “a poñerse mans a obra” na preparación das eleccións e “a saír a por todas e sen complexos, porque se hai unha forza política que ten un proxecto transformador a favor da maioría social esa é o BNG”, proclamou, un proxecto que non se queda nas palabras senón que se traduce en realidades, “e esta é unha solvencia que non teñen outras forzas políticas”.
Balanzos de goberno positivos
“É un feito obxectivo que en cada un dos concellos nos que o BNG goberna as cousas funcionan razoablemente ben e deixamos pegada importante”, recalcou Ana Pontón. A dirixente nacionalista parabenizou a todos os responsables municipais polo seu esforzo e dedicación, tanto desde o goberno como desde a oposición, “tendes motivos para estar orgullosas e orgullosos”. “Hoxe non hai ningunha forza política que poda presentar un balanzo de goberno como o do BNG, e non é froito da casualidade senón dun proxecto político que funciona desde confianza no país”, concluíu Pontón.
A xornada de traballo contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Cesar Mosquera, da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do secretario de Comunicación, Xavier Campos, seguida en cada caso dun debate e posta en común de ideas por parte dos responsables municipais do BNG.