Desde @obloque están #AtéaCona do patriarcado. Presentan a nova e innovadora campaña de apoio á #FolgaFeminista8M pic.twitter.com/8rlDTYshGy
— Nós Televisión (@NosTelevision) February 27, 2018
A polémica está servida coa nova campaña de apoio á folga feminista do BNG. A formación nacionalista racha co “políticamente correcto” e convida a participar nas mobilizacións do vindeiro 8 de marzo baixo o lema O máis grande de Galiza está até a cona. A voceira nacional do partido, Ana Pontón, cualificou a campaña como “provocadora” e “clara”.
Esta campaña responde ao paternalismo da Xunta e a pasividade do Goberno central
Deste xeito, o BNG responde á polémica mensaxe que a Xunta lanzara o pasado novembro con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Naquela ocasión, a frase escollida foi O máis grande de Galicia non se maltrata. Pontón cre que a campaña do Bloque é “moi necesaria” para responder ao “paternalismo” da campaña de Núñez Feijóo e á “pasividade” do presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, quen evitou pronunciarse ao respecto das políticas de igualdade cun simple “no nos metamos en eso”.
O que semella evidente é que esta campaña, coordinada pola secretaria da Muller do partido Noa Presas, non deixará indiferente a ninguén e cumprirá co obxectivo principal do BNG: dar visibilidade á folga das mulleres e contribuír a que o respaldo á mesma sexa “total”.