BNG e En Marea respaldan a folga feminista cunha batería de propostas

O Bloque presentará no Parlamento a súa proposta de Lei de Igualdade Salarial

A “folga das mulleres” convocada para o vindeiro 8 de marzo obtén cada vez máis apoios. As catro deputadas do grupo parlamentario do BNG compareceron este luns para instar á participación feminina neste evento. Asemade, a voceira nacionalista, Ana Pontón, anunciou que a súa formación presentará ante o Parlamento unha Lei de Igualdade Salarial que combata a discriminación, ao tempo que criticou a “cousificación” da muller a través de “campañas paternalistas” contra a violencia de xénero como a difundida o pasado novembro pola Xunta de Galicia.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

A CIG insta a “denunciar o feminicidio” e “pór fin á discriminación” na folga do 8 de marzo

A secretaria de Muller da CIG, Marga Corral, acompañou ás deputadas do Bloque na súa comparecencia, salientando a importancia de “denunciar o feminicidio” e “pór fin á discriminación e a invisibilización” que padece o colectivo feminino. Para o sindicato galego, é preciso que as mulleres dean “un paso adiante”.

Iniciativas de En Marea

Pola súa banda, o grupo parlamentario de En Marea quixo sumarse a esta loita facendo un chamamento a tódalas mulleres do país a “amosar a súa forza” o vindeiro 8 de marzo. Así e todo, a coalición de esquerdas proporá no Parlamento unha iniciativa semellante á anunciada pola nacionalista Ana Pontón, que tentará facer fronte á “fenda salarial” que afecta ás mulleres de diferentes sectores laborais.

Así e todo, En Marea tamén tomará a voz no Congreso dos Deputados. No Pleno que se celebrará este martes, o grupo confederal de Unidos Podemos instará ao cumprimento dunha directiva europea de “igualdade retributiva” para “garantir os dereitos das mulleres” no eido laboral.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -