Mudar o modelo de financiamento autonómico e dotar a Galicia dun maior poder político son as principais liñas nas que traballa o BNG de cara ao 2018. A voceira do grupo nacionalista, Ana Pontón, ve imprescindíbel instaurar un novo modelo institucional para que Galicia gañe peso dentro do Estado español. Segundo Pontón, é fundamental para logralo facilitar a creación de postos de traballo “dignos” e garantir a calidade dos servizos públicos.
O Bloque fíxase no modelo de financiamento vasco
O Bloque denuncia a “estratexia de subordinación” do Goberno de Núñez Feijóo que, asegura, prexudica a toda a cidadanía galega. A formación nacionalista propón a instauración dun modelo de financiamento semellante ao de Euskadi, que pasaría por crear un “concerto económico” que garanta a soberanía de Galicia e permita financiar os servizos públicos. Pontón coida que as mudanzas poidan producirse ao longo deste ano.
AP-9
Asemade, Pontón volveu defender o traspaso das competencias da autoestrada AP-9 e a eliminación dunhas peaxes que considera “abusivas”, así como a creación dunha tarifa eléctrica galega que combata a pobreza enerxética.