Ano 1968. Nun contexto de opresión estatal e imposición ideolóxica, un grupo de homes e mulleres decide pasar á acción e facer unha demostración pública da forza que, xa naquel intre, tiña o nacionalismo galego. Dun xeito clandestino, despregouse unha faixa na entrada da Alameda compostelá co lema “Viva Galiza ceibe e socialista”. Aquilo sería o berce das manifestacións que, cada 25 de xullo, se celebrarían nos vindeiros anos até a “conquista” da praza da Quintana en 1983.
Saleta Goi, histórica militante nacionalista e viúva de Manuel María, estivo presente naquel histórico acto de loita pola liberdade. Goi, presente na homenaxe desta mañá xunto con Goretti Sanmartín, lembrou que nunca se perdeu un Día da Patria dende que acudira en 1959, por vez primeira, á misa en honor de Rosalía de Castro.
O nacionalismo, unha ferramenta imprescindíbel para “facer país”
Dende o “mitin das arengas” de Castelao, Bóveda ou Piñeiro, alá pola década de 1930, até o momento actual, o nacionalismo galego experimentou unha importante transformación. Con todo, para Saleta Goi segue a ser unha ferramenta imprescindíbel para “facer país” e pular polo crecemento de Galiza.
Hoxe @obloque rememorou o Día da Patria de 1968, cando se despregou clandestinamente na Alameda compostelá unha faixa co lema "Viva Galiza ceibe e socialista" pic.twitter.com/03rFMLUqhM
— Nós Televisión (@NosTelevision) July 17, 2018
Ao remate do acto reivindicativo desta mañá, Sanmartín e Goi fixeron un chamado a participar na mobilización deste ano para “sumar a tódalas persoas que senten que Galiza é unha nación”. Cómpre lembrar que a manifestación partirá ás 12.00 horas do día 25 dende a Alameda compostelá.