O portavoz parlamentario de Medio Ambiente, Luís Bará, trasladou á Cámara as matanzas masivas do raposo en Galiza tanto a través das competicións deportivas como da actividade puramente cinexética que, sumadas, supoñen a morte de 12.000 raposos cada ano de media, 75.000 entre 2011-2017.

- Publicidade -

Bará denunciou o destino dos animais mortos e das súas peles, en particular despois de que fai apenas uns meses a garda civil requisara un transporte ilegal destes animais, -máis de 80 peles con restos orgánicos-, coincidindo coa celebración dunha competición deportiva “na que o obxectivo é matar o maior número de raposos no menor tempo posible”.

“A Sociedade Galega de Historia Natural, de prestixio académico e científico, establece que non se pode entender como deporte a matanza indiscriminada de ningunha especie, que ademais ten consecuencias no equilibrio ecolóxico e, indirectamente, na saúde humana”, explicou na comisión parlamentaria de Medio Ambiente.

Neste contexto, e tendo en conta que o Goberno galego subvenciona estas competicións, o Bloque presentou unha proposta con dúas propostas concretas: “unha investigación da Xunta sobre a orixe e o destino dos raposos abatidos nas competicións e das cacerías, -12.000 ao ano-, e unha investigación do destino e uso das peles interceptadas recentemente pola garda civil para poñer luz onde agora hai sombras e sospeitas”, explicou Bará, alertando tanto da matanza indiscriminada desta especie como do comercio ilegal de peles de raposo.

Pese ao veto do PP, o BNG considera urxente dar este debate e lembra o acordo aprobado polo Parlamento galego para instar ao Goberno central a que lexisle sobre a caza do raposo “tanto a nivel deportivo como cinexético”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego