Este ano conmemórase o 170 aniversario da Banda Municipal de Música e o seu actual director, Casiano Mouriño, non quixo perder a oportunidade de render homenaxe á persoa que a dirixiu durante 40 anos, o mestre burgalés Amador Santos Bartolomé. O Teatro Principal acollerá un concerto tributo ó exdirector o vindeiro domingo 4 de febreiro, a partires das 12.00 horas. A entrada será de balde até completar o aforo.
Casiano Mouriño: “Con este concerto queremos volver ó estilo de vida da época de Santos Bartolomé”
Este concerto, titulado “Un paseo con Santos Bartolomé”, contempla un amplo programa composto por obras de Gerónimo Giménez, Fernando Gontad e Julio Gómez, así como dúas composicións propias de Santos Bartolomé que se estrearán no escenario do Principal. O obxectivo desta cita é “volver ó estilo de vida” da época do exdirector.
Porén, este non será o único evento que a Banda Municipal desenvolverá nas vindeiras datas, xa que conta cun calendario para o mes de febreiro copado por, alomenos, tres concertos máis.