O vindeiro domingo 14, a partires das 12.00 horas, a Banda Municipal de Música de Compostela celebrará o evento inaugural das celebracións polo 170 aniversario desta histórica formación musical. Nesta primeira ocasión, a Banda ofrecerá un concerto no Teatro Principal que dirixirá o recoñecido director José Rafael Pascual-Villaplana.
O programa musical basearase nunha “visión historiográfica” que terá como punto de partida o século XIX, que foi crucial para a configuración das bandas de música tal e como as coñecemos hogano. O concerto, que tenta mesturar a tradición cultural coa innovación, comezará cunha peza de mediados do devandito século, nun período no que se fundou a formación compostelá.
Esta será a primeira cita do “Ciclo de Inverno” deseñado pola Banda Municipal. A seguinte actuación celebrarase o vindeiro venres 19 de xaneiro na Residencia Volta do Castro, cun “Concerto para Maiores”.
https://nostelevision.gal/banda-municipal-prepara-amplo-abano-de-actividades-celebrar-seu-170-aniversario/