Facer visible ás empresas que participaron na campaña financiando o 35% desta, así como comentar á cidadanía as cifras obtidas, foron os obxectivos da rolda de prensa con motivo do balance de En negro contra a violencia. A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento económico e Turismo, Marta Lois, estivo acompañada dalgunhas das empresas que máis contribuíron na produción desta campaña. Gadisa, representada polo director de comunicación, José Luis Fernández e a Asociación de Empresarios do Tambre, que contou co seu presidente Jesús Chenel.
A edil analizou, unha vez pasada a campaña, as cifras obtidas en Compostela: un 82% xa participaran o ano anterior e case un 60% facíano por primeira vez. Apuntou tamén a maior dispersión territorial estando, desta vez, moito máis presentes os barrios. A maiores, salientou a implicación da comunidade educativa.
O director de comunicación de Gadisa destacou a singularidade da campaña, así como a forma de comunicar á sociedade unha das lacras máis latentes na actualidade.
Por outra banda, Jesús Chenel, quixo resaltar que a empresa á que pertence seguirá colaborando en iniciativas como Compostela en negro, xa que en palabras súas, contribúen a reforzar a loita no obxectivo de erradicar a violencia. Ademais, criticou tamén a actuación da lei cunha lacra que, segundo considera, debera ser xulgada coa máxima dureza.
A concelleira Marta Lois, quixo facer fincapé no carácter altruísta das empresas. Preguntado pola prensa, a edil indicou que a cifra de inversión desta campaña ascendeu a aproximadamente 40.000 euros.