Baixa o prezo da recollida do lixo en Compostela

O Concello propón modificar a ordenanza fiscal de recollida do lixo para repercutir nos veciños a rebaixa do canon que Sogama cobra polo tratamento de residuos

O Concello de Santiago acaba de presentar a proposta de modificación da ordenanza fiscal da recollida do lixo. O canon que Sogama lle cobra aos concellos polo tratamento do lixo foi reducido nun 10% pola Xunta a finais do pasado xaneiro, e dende Raxoi plantexan repercutir esa baixada directamente na veciñanza.

Como explica a Concelleira de Facenda, María Rozas, suporía un aforro para as arcas municipais de 301.946,431€, que se traduce nunha reducción dun 4,17% nos recibos da recollida do lixo. Rebaixa que será abonada de xeito retroactivo nun único  recibo anual unha vez se aprobe a proposta, que aínda ten que pasar pola Comisión de Facenda e polo Pleno.

Pola súa banda, o Concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, quixo recoñecer o traballo ben feito en termos de recollida selectiva do lixo. Comparado con 2014, o ano pasado recicláronse un 12% máis de envases lixeiros, un 31,9% máis de vidro, case un 11% máis de papel e cartón, e uns sorprendentes 76% e 266% máis na recollida de materia téxtil e aceites usados respectivamente. Datos que fan de Compostela “un exemplo para o conxunto de Galicia”, indicou.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego